O Lugo perde dous dos seus titulares para medirse ao Pontevedra

Pontevedra
20 de novembro 2025

Ademais de contar cun sancionado, o club lucense confirmou a lesión de Txus Alba. Os de Yago Iglesias chegan ao duelo de rivalidade encadeando sete partidos sen perder

Txus Alba no partido entre Lugo e Guadalajara
Txus Alba no partido entre Lugo e Guadalajara / CD Lugo

Despois de 14 anos sen visitar o Anxo Carro en liga, o Pontevedra Club de Fútbol prepárase para un duelo de rivalidade fronte ao Club Deportivo Lugo con moitos alicientes, entre os que destaca o reencontro co seu ex adestrador, Yago Iglesias.

Será un duelo que porá a proba as xeiras de imbatibilidade de ambos os dous conxuntos, e que se perderán futbolistas importantes nos dous equipos.

O Lugo chega á cita despois de encadear sete xornadas sen perder, con catro empates nas últimas catro xornadas, mentres que os granates suman cinco xornadas sen caer derrotados. Dous puntos sepáranlles na táboa, co Pontevedra quinto con 17 e os lucenses undécimos con 15.

No que respecta ás ausencias, ademais da lesión de gravidade de Juanra, os da Boa Vila non poderán contar cun home importante como Yelko Pino, ao confirmar Competición o seu castigo dun encontro por acumulación de amoestacións.

Tamén perderá o duelo polos mimos motivo Iago López no Lugo. O lateral encadeaba cinco xornadas consecutivas como titular.

A esta ausencia súmase no equipo branquivermello a de Txus Alba, ao confirmar este mércores o club que "sofre unha lesión a nivel do adutor longo da súa perna esquerda". Outro futbolista que chegaba coa bitola de titular tras partir no once inicial no últimos cinco partidos.

A pesar dos 14 anos sen coincidir en liga, o Lugo pasa por ser o quinto equipo ao que máis veces se mediu o Pontevedra na súa historia na competición regular contando as tres principais categorías.

Foron un total de 44 choques, todos eles en Segunda B, cun balance de 19 triunfos granates, 14 empates e 11 vitorias lucenses.