Luis Montes, novo seleccionador galego de balonmán masculino

Pontevedra
29 de agosto 2024

O adestrador pontevedrés releva no cargo a Víctor García 'Pillo', e asume tamén a dirección do combinado autonómico xuvenil

Luis Montes, nun adestramento do Teucro 2019-2020
Luis Montes, nun adestramento do Teucro 2019-2020 / Mónica Patxot

A Federación Galega de Balonmán presentou á nova estrutura técnica das seleccións autonómicas, con protagonismo para un adestrador pontevedrés.

Luis Montes, actualmente técnico do Bueu Atlético Balonmán en Primeira Nacional, é o novo seleccionador galego absoluto masculino, relevando no cargo de Víctor García 'Pillo'.

Montes dirixirá ademais o combinado autonómico xuvenil masculino, e marcará as bases técnicas dos equipos cadete e infantil.

Pola súa banda Ismael Martínez, adestrador do Balonmán Porriño, será o encargado de dirixir á selección absoluta feminina e tamén á xuvenil.

O resto de seleccionadores galegos serán: Elena Estévez (categoría infantil feminina), Adrián Menduíña (infantil masculina), Carla Abad (cadete masculina) e José Luis Predeira 'Budi' (cadete feminina).

"Luis e Isma teñen unha dilatada experiencia, e depois das reunión mantidas nos últimos meses sabemos que teñen moi claros os obxectivos a perseguir e os pasos a dar, creo que a división da coordinación deportiva masculina e feminina permitiranos analizar con maior detalle as necesidades máis urxentes para seguir avanzando a nivel deportivo", asegurou Rubén González, directivo da Federación Galega.