Luisito promete traballo na volta aos adestramentos: "O que non quería era ser un estorbo"

Pontevedra
06 de novembro 2017

O técnico do Pontevedra recoñeceu que en Talavera "chorei de rabia" pero que a decisión de dimitir estaba meditada e "non foi un impulso". Agradece o apoio do plantel e Consello de Administración que lle fixeron cambiar de opinión e asegura que fará o posible por endereitar o rumbo do equipo

Luisito, no adestramento deste luns en Príncipe Felipe
Luisito, no adestramento deste luns en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

Foron unhas horas duras para José Luís Míguez 'Luisito', quizais as máis duras desde que aterrou no Estadio Municipal de Pasarón, pero o técnico, unha vez ratificado no cargo, púxose de novo ao choio para tentar reverter a mala situación do equipo.

Asegura que, a pesar do seu carácter temperamental, a decisión de dimitir en Talavera estaba meditada e "non foi un impulso", e recoñece que "chorei de rabia, de impotencia" tras a derrota do domingo.

"É a primeira vez desde que son adestrador e desde que estou aquí que me sentín fulminado, porque eu sei o que me dedico a adestrar, o que me dedico polo Pontevedra e sei o que estou sufrindo", explicou o adestrador granate.

A reacción do plantel, cos capitáns á fronte, o apoio do Consello de Administración encabezado por Lupe Murillo e da dirección deportiva fixéronlle cambiar de opinión e supóñenlle "un orgullo".

Luisito xustifica a súa dimisión en que "non quería ser un estorbo", pero agora que recuperou forzas promete traballo para deixar atrás estes malos momentos e "tratar de volver ser un Pontevedra supercompetitivo".

MEDIA HORA DE REUNIÓN NO VESTIARIO

Tanto a presidenta do club como o director deportivo, Roberto Feáns, achegáronse ao adestramento do equipo celebrado este luns nas instalacións de Príncipe Felipe, e mantiveron unha reunión co corpo técnico e xogadores para transmitirlles a súa confianza.

Tras abandonar o lugar os directivos, plantel e adestradores permaneceron un pouco máis na caseta para dialogar sobre a situación e tratar de buscar remedio aos erros cometidos nas últimas xornadas. Despois todos compareceron sobre o céspede artifical de Príncipe Felipe para realizar un suave traballo de recuperación, como é habitual na primeira sesión semanal.

PROSI E CARLOS RAMOS, Á MARXE

Dous xogadores, ademais do lesionado Jimmy, non se exercitaron ao mesmo ritmo que os seus compañeiros por problemas físicos. Foron os casos de Carlos Ramos, que traballou baixo a dirección do fisioterapeuta do equipo, e de Prosi, que apenas realizou carreira continua. En todo caso espérase que o seu estado mellore nas próximas horas, aproveitando a xornada de descanso do martes, e poida incorporarse ao longo da semana ao grupo.