Luisito recorre de novo aos adestramentos a porta pechada para preparar o choque ante o Celta B

Pontevedra
02 de febreiro 2017

Consciente da importancia do partido do próximo domingo ante o filial céltico, o técnico granate decidiu blindar ao equipo para preperar diversos aspectos tácticos e probar opcións para substituír ao sancionado Kevin Presa e a David Añón, baixa por enfermidade

Luisito e Roberto Feáns nun adestramento en Príncipe Felipe
Luisito e Roberto Feáns nun adestramento en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

Esta tempada Luisito recorreu en varias ocasións aos adestramentos a porta pechada, algo ata agora pouco habitual na casa granate, para preparar choques importantes ou ante equipos que, pola súa proximidade, poden desprazar 'espías' ata a cidade de Lérez durante a semana de traballo.

Fíxoo por exemplo ante o Coruxo ou hai 15 días, antes de recibir ao Real Racing Club, e agora o técnico granate volveu blindar ao equipo decretando este xoves un adestramento a porta pechada no Estadio Municipal de Pasarón. O motivo é dobre, que o próximo rival é o veciño Celta B e que o encontro se presume como importante para as aspiracións do equipo.

A Pasarón chega o terceiro clasificado e Luisito debe tomar decisións importantes, como quen serán os substitutos do sancionado Kevin Presa e de David Añón, baixa por pneumonía, dous futbolistas habituais nas súas aliñacións. 

Ademais o preparador granate quere probar varios aspectos e variantes tácticas para sorprender ao seu rival, prestando atención á dupla atacante do Celta B, formada por Borja Iglesias e Hicham, que acumulan esta tempada 25 goles entre ambos os dous.