Luisito recupera efectivos pero perde a Campillo e Mouriño para a súa primeira defensa do liderado

Pontevedra
26 de novembro 2014

Campillo segue sen adestrarse co grupo tras o golpe que recibiu nas costas ante o Arosa, mentres Mouriño cumprirá sanción por acumulación de amoestacións

Luisito fala con Mouriño e Jacobo no adestramento celebrado na Xunqueira
Luisito fala con Mouriño e Jacobo no adestramento celebrado na Xunqueira / PontevedraViva

O Pontevedra retomou este mércores o traballo para preparar a que será a súa primeira defensa do liderado, o próximo domingo (17:00 horas) en Redondela ante o Choco, actual terceiro clasificado.

Luisito poderá contar para esta complicada saída con Pedro García, unha vez cumprida a súa sanción, e tamén con Anxo, que tras varias semanas arrastrando problemas no nocello se adestrou este mércores ao mesmo ritmo que os seus compañeiros completando a sesión sen sentir dor na zona.

Boas noticia para un centro do campo que perde por sanción a un dos seus habituais, Adrián Mouriño, despois de que a Xuíza ÿnica de Competición confirmase o castigo dun partido de suspensión por acumulación de amoestacións.

Tampouco estará en Redondela Campillo, que sufriu un golpe nas costas ante o Arosa que lle provocou un espasmo muscular do que aínda non se recuperou, ademáis do lesionado Fran Fandiño.

A pesar da melloría experimentada dende o domingo, o defensa segue sen non poder exercitarse, polo que o seu posto no centro da defensa o ocupará con moita probabilidade Pablo.

MOCIDADE GRANATE COMPLETA UN AUTOCAR DE AFECCIONADOS

Ademais do desprazamento que organiza o propio club para presenciar o encontro no campo redondelano de Santa Mariña, a peña Mocidade Granate decidiu preparar pola súa conta o desprazamento nun autocar que será de balde para os afeccionados, o que provocará unha importante presenza de seguidores granates nas bancadas.