Luisito renova e aposta por "engancharse ao fútbol profesional co Pontevedra"

Pontevedra
21 de abril 2016

O técnico seguirá unha tempada máis no banco granate. Asegura que "non quedo aquí por diñeiro" tras rexeitar unha oferta de superior categoría e promete loitar "por obxectivos máis ambiciosos". A negociación "duró cinco minutos", recoñece a presidenta do club, Lupe Murillo

Lupe Murillo e Luisito tras anunciar a renovación do adestrador
Lupe Murillo e Luisito tras anunciar a renovación do adestrador / Mónica Patxot

José Luis Míguez 'Luisito' seguirá sendo a próxima tempada o adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, tras chegar a un acordo co club granate nunha negociación que "duró cinco minutos", asegura a presidenta Lupe Murillo.

O técnico, que cumprirá a súa terceira campaña no banco de Pasarón, comprométese por unha tempada asegurando que "non quedo aquí por diñeiro", tras rexeitar unha oferta de superior categoría.

Luisito: "Non quedo aquí por diñeiro"

"Tiña tres opcións, engancharme ao fútbol profesional, renovar co Pontevedra ou deixalo", explicou Luisito para quen pesou moito "estar preto da miña xente" e que promete "loitar por obxectivos máis ambiciosos".

Sen falar especificamente de ascenso, o adestrador declarou que "o meu obxectivo claro é engancharme ao fútbol profesional co Pontevedra". Para iso Luisito aposta pola continuidade de boa parte da persoal pero recoñece que "teñen que vir futbolistas que dean un plus".

A pesar da ambición técnico e presidenta recoñeceron que non houbo esixencias respecto diso na negociación, na que Luisito fixo unha única petición, poder adestrar dous días á semana nunha instalación de céspede natural, xa que "o problema máis grande que temos son as instalacións", recoñeceu.

Tras explicar o acordo, Lupe Murillo declarouse contenta co traballo do técnico e explicou que "el club quería que se quedase y él quería quedarse". En canto á composición do plantel da próxima tempada, as negociacións cos xogadores non empezarán "probablemente hasta que acabe la liga" para non distraer a atención do obxectivo de entrar na Copa do Rei. Polo momento, só dous futbolistas contan con contrato en vigor para o próximo curso, Kevin Presa e Tomás.