Luismi bota contas para estar no play-off

Pontevedra
13 de marzo 2019

Con 10 xornadas e 30 puntos por disputarse, o técnico granate non renuncia ao obxectivo de alcanzar os catro primeiros postos, agora a 5 de distancia, aínda que para iso "hay que ganar muchos partidos de aquí al final, y el primero es el de Salamanca", asegura

Luismi, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira Mónica Patxot

O Pontevedra quere aferrarse con uñas e dentes ás súas opcións para estar no play-off de ascenso, aínda que para iso debe remontar unha desvantaxe que é actualmente de 5 puntos.

Con 10 xornadas por diante, Luismi bota contas do que fará falta para entrar nos catro primeiros postos. "Yo las hago", recoñece, aínda que despois prefire tirar da máxima de partido a partido para manterse na pelexa.

Para o técnico a cifra para alcanzar para o seu equipo está nos 21 puntos dos 30 posibles, o que lles colocaría con 65, unha puntuación superior ás dúas últimas clasificacións para o play-off dos granates, que entraron na 16/17 con 60 puntos e na 09/10 con 63 puntos. De feito só tres veces na última década a cifra necesaria para disputar a fase de ascenso foi superior.

As últimas clasificación do Pontevedra para o play-off foron con 60 puntos (16/17) e 63 puntos (09/10)

O que queda claro é que "hay que ganar muchos partidos de aquí al final", sinala Luismi, "y el primero es el de Salamanca", un duelo nun escenario de altura e ante un equipo que trata de distanciarse da zona perigosa pero que conta cun gran potencial.

"Lo que importa es ganar el domingo y a partir de ahí volver a hacer las cuentas el lunes", recoñece o preparador pontevedrés.

O próximo mes de competición antóllase clave, con duelos ademais do Salamanca CF a domicilio ante Guijuelo na casa, Fabril fóra e Sanse en Pasarón, un bloque de catro partidos que esperan lles faga remontar posicións aproveitando os duelos directos entre rivais. Sen ir máis lonxe a próxima xornada enfrontaranse Ponferradina e Atlético B por unha banda e Fuenlabrada e RM Castilla por outro.

Con todo Luismi non quere outorgarlle categoría de final ao partido no Helmántico salmantino, xa que de perder "sería otro pasito atrás pero un adiós no porque las matemáticas dicen lo contrario".

ROMAY, Á MARXE POR PRECAUCIÓN

Ademais dos futbolistas lesionados, Adrián León e Álvaro Bustos, ambos os dous con problemas musculares e descartados para a próxima xornada, outro futbolista exercitouse á marxe este mércores no regreso aos adestramentos, no seu caso por precaución. Trátase de Romay, con molestias tras sufrir un golpe no último encontro, aínda que a súa presenza en Salamanca non parece correr perigo.