O Pontevedra quere recuperar corda nun escenario histórico, o Helmántico de Salamanca

Pontevedra
15 de marzo 2019

Os granates necesitan unha vitoria a domicilio este domingo (17:00 horas) ante o Salamanca CF se non queren verse descolgados definitivamente da pelexa pola fase de ascenso. Adrián León e Álvaro Bustos caen do equipo por lesión, pero regresan Borja Domínguez e Pedro Vázquez

Adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

Non pode volver fallar o Pontevedra Club de Fútbol se non quere verse afastado irremediablemente da pelexa por entrar na fase de ascenso. Necesitan os de Luismi sumar de tres este domingo (17:00 horas) nun escenario histórico, o salmantino Estadio Municipal do Helmántico.

Os granates visitan a un Salamanca CF que "va a ser difícil" avisa o técnico, ao tratarse dun plantel confeccionado para retos máis ambiciosos que o seu actual obxectivo de afastarse do descenso, do que lle separan 4 puntos. 

"Es un partido trampa, ves la clasificación y piensas que puede ser un partido fácil y para nada. Han mejorado en juego, en resultados, yo creo que están mejor que como vinieron aquí en la primera vuelta, y se han reforzado", asegura Luismi.

Na rolda de prensa previa ao choque o preparador pontevedrés defendeu que o seu equipo non pensa "en otra cosa que no sea traer los 3 puntos" de Salamanca.

Para iso non poderá contar con Adrián León e Álvaro Bustos, ambos con lesións de carácter muscular, pero si volverán á convocatoria e posiblemente ao once inicial Borja Domínguez e Pedro Vázquez, tras cumprir un encontro de sanción.

O que tamén recupera efectivos é o Salamanca, xa que Antonio Calderón terá dispoñibles a Calero, Molina e Carpio tras superar diversos problemas físicos. Non será así o caso do defensor Toño Vázquez, baixa por lesión, mentres que é seria dúbida Asdrúbal.

O encontro, correspondente á xornada 29 do campionato nacional de liga, será arbitrado polo estremeño Manuel García Gómez.