Lydia Pérez di adeus ao Mundial na rolda clasificatoria tras un duro sorteo

Pontevedra
12 de setembro 2022

A deportista pontevedresa, que acudía a Belgrado reforzada polos seus últimos resultados internacionais, cedeu no seu primeiro enfrontamento ante a sueca Sara Johanna Lindborg, número 8 do ranking mundial

Lydia Pérez, durante una competición internacional
Lydia Pérez, durante una competición internacional / United World Wrestling

O Campionato do Mundo de Loitas Olímpicas que se está celebrando na localidade serbia de Belgrado terminouse ao primeiro de vez para Lydia Pérez Touriño.

A deportista pontevedresa acudía á cita reforzada polos seus últimos resultados internacionais, con senllos bronces nos Xogos do Mediterráneo e no Gran Premio de España, pero tivo que enfrontarse a un duro sorteo no cadro da categoría de 62 quilos.

No seu primeiro combate debía enfrontarse este luns á sueca Sara Johanna Lindborg, número 8 do ranking mundial e medallista continental en 2020. Unha deportista á que coñecía ben tras participar en varias concentracións de preparación no país nórdico, a última hai escasas semanas.

O tenteo (7-0 para Lindborg) non permitiu á deportista do Loita Pontevedra progresar no cadro.

Tampouco a repesca foi unha opción, xa que Lindborg foi eliminada en oitavos de final ante a alemá Niemesch, subcampioa do último Europeo.