Máis de 100 inscritos dan brillo ao IV RallyMix Concello de Ribadumia

O Salnés
24 de xullo 2025

A proba automobilística, cuarta cita puntuable do Campionato Galego, celebrarase durante o sábado 26 e o domingo 27 de xullo

Presentación do IV RallyMix Concello de Ribadumia
Presentación do IV RallyMix Concello de Ribadumia / Concello de Ribadumia

Todo listo para que os motores comecen a ruxir no Salnés co IV RallyMix Concello de Ribadumia.

A proba automobilística, cuarta cita puntuable do Campionato Galego de Rallyes Mixtos (terra-asfalto), disputarase durante o sábado 26 e o domingo 27 de xullo, pero antes foi presentado oficialmente.

"Hai unha lista de inscritos envexosa, de 102 pilotos, e para un rallymix é todo un éxito", explicou no acto o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño, destacando que "a concellos como Ribadumia venlle moi ben este tipo de eventos porque traen turismo á zona".

E é que se espera unha alta afluencia de público durante as dúas xornadas de competición, cun percorrido de 13,5 quilómetros no que non faltará a espectacularidade.

"Dará comezo o sábado 26 ás 11.30 da mañá con tres especiais cronometradas, e dúas para o domingo 27 a partir das 9.00 de mañá", explicou Pablo Iglesias desde a Escudería Desguaces Tino Racing, organizadora do rallymix.

"Somos un concello de 5.000 habitantes pero que apostamos forte polo deporte", afirmou pola súa banda o alcalde de Ribadumia, David Castro.

Na presentación participaron tamén a directora territorial de Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Blanca García-Señoráns, e o deputado provincial de Medio Ambiente, Marcos Guisasola.

Javier Ramilo, que estará presente en Ribadumia, chega á cita como líder do Campionato Galego de RallyMix con 114 puntos grazas a dous triunfos nas tres primeiras probas do certame.