Máis da metade do aforo para o España-Italia en Pasarón estaba comprometido en prevenda aos clubs

Pontevedra
24 de novembro 2023

A Real Federación Galega de Fútbol saíu ao paso da polémica xerada pola venda de entradas para o partido da Selección Española Feminina fronte a Italia en Pasarón, asegurando ademais que "circunstancias do estadio e motivos de seguridade reduciron o aforo notablemente e por baixo das 9.000 localidades"

Estadio Municipal de Pasarón
Estadio Municipal de Pasarón / Mónica Patxot

A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) saíu ao paso da polémica xerada pola venda de entradas para o partido da Selección Española Feminina fronte a Italia en Pasarón, tras esgotarse as localidades en poucos minutos.

O organismo federativo, a través dun comunicado, matiza en primeiro lugar que "circunstancias do estadio e motivos de seguridade reduciron o aforo notablemente e por baixo das 9.000 localidades".

Refírese a Federación á ausencia de butacas en varias zonas do campo, especialmente detrás das porterías, e que non puideron saír á venda, e tamén á distancia de seguridade esixida por UEFA e que inhabilitou a primeira fila de asentos.

En todo caso o maior número de localidades comprometeuse xa en preventa aos clubs femininos galegos nunha promoción que habitualmente realiza a Real Federación Española. "Foron moitos os que se sumaron a esta campaña comprando un número considerable de entradas que supera a metade do aforo dispoñible", confirma a Federación Galega.

Ademais a RFGF enviou dúas invitacións a todos os clubs de fútbol da provincia de Pontevedra "destinadas principalmente aos directivos en recoñecemento ao traballo diario que realizan".

Por último engádense "os compromisos habituais institucionais e de esponsorización dun partido internacional, o que ocupa a plataforma televisiva e a cota de entradas que deben reservarse para a afección visitante".

Todo un cúmulo de circunstancias que limitaron ao redor de 2.000 a venda de localidades ao público xeral ocasionando o 'sold out' en apenas minutos coas queixas posteriores dos afeccionados que non lograron facerse cunha entrada para ver ás campioas do mundo.

Ante isto o organismo reitor do fútbo autonómico declarou que "lamentamos que moitos afeccionados quedaron sen entrada pero ao mesmo tempo satisfainos saber que o estadio vaia a presentar un sensacional ambiente cun cheo absoluto e, sobre todo, que a maioría dos que van estar no campo son persoas vinculadas ao fútbol feminino galego, especialmente nenas que se están iniciándose no deporte rei".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora