Máis de 150 deportistas participarán na primeira Copa Deputación Tatami Sports

Pontevedra
05 de marzo 2024

O evento celebrarase o día 23 de marzo no Pavillón Municipal de Cerdedo e estará dividido nas modalidades de competición point fight, light contact, kick light e K1 light

Trofeo da Riveira Sacra de kick boxing
Trofeo da Riveira Sacra de kick boxing / ABP Sport

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado polo deputado de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, e José Manuel Santiago e Antonio Garrido, presidentes da Asociación de Boxeo de Pontevedra e a Hong Muay Thai Academy, presentaron no Pazo Provincial a primeira edición da Copa Deputación 2024 de Tatami Sports.

Tal e como anunciaron, a competición celebrarase o día 23 de marzo no Pavillón Municipal de Cerdedo, nunha xornada na que participarán máis de 150 deportistas chegados de distintos puntos de Galicia, con idades comprendidas entre os 4 e os 40 anos divididos en catro categorías. Esta disciplina deportiva inclúe as modalidades de competición point fight, light contact, kick light e K1 light.

Estes catro campionatos coroarán aos campións da Copa Deputación 2024 destas modalidades de boxeo.

Para completar a programación, no mesmo escenario e no mesmo día celebrarase o Campionato Galego de kick boxing, unha competición na que tamén colabora a Deputación e que é puntuable para a clasificación para os campionatos nacionais que se celebran en Guadalaxara no mes de xuño.