Máis de 300 atletas gozan co XV Tríatlon Cidade de Pontevedra

Pontevedra
23 de agosto 2015

Melina Alonso e David Mendoza impóñense na categoría de federados, clasificatoria para o Campionato Galego e que pechou unha animada xornada deportiva

XV Tríatlon Cidade de Pontevedra
XV Tríatlon Cidade de Pontevedra / Diego Torrado

Nin o mal tempo desta fin de semana, que deu un pequeno respiro durante a mañá de competición, desluciu o XV Tríatlon Cidade de Pontevedra.

Máis de 300 atletas gozaron dunha animada xornada deportiva a beiras do Lérez que arrancou coas diferentes categorías da modalidade popular, o YOSITRI impulsado pola Federación Española.

Nas probas de federados, clasificatorias para o Campionato Galego e disputadas en distancia sprint, os gañadores foron Melina Alonso (Triatlon Ferrol) e David Mendoza (Triatlon Arteixo).

Alonso protagonizou un bonito duelo con Joselyn Brea, que foi segunda, mentres a pontevedresa Saleta Castro, especialista na longa distancia, foi terceira.

Na competición masculina Mendoza superou con comodidade a Luis Miguel Velásquez e a Andrés Cendán, segundo e terceiro respectivamente.