No marco dos actos organizados polo colectivo Anedia en colaboración co Concello e a Deputación co gallo do luns 14 de novembro, Día Mundial da Diabetes, e coa dobre misión de visibilizar a diabetes e de reivindicar a importancia da actividade física para todas as persoas, Pontevedra volverá celebrar este domingo 13 a súa 'clásica' Milla Solidaria de Anedia.
Nesta novena edición agárdase unha participación de máis de 600 persoas, desde os máis pequenos da casa ata atletas federados.
A cita deportiva será o prato forte dun programa que este mércores se puxo en marcha co despregue dunha pancarta conmemorativa no balcón da Casa da Luz e que foi presentado no Concello nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; a deputada provincial de Cohesión Social, Olga García; a presidenta da Asociación de Nenos, Nenas e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia), María José Rego Lojo; a cofundadora Silvia Puga, o director técnico da proba, Gonzalo Méndez e os deportistas Alberto Guimeráns e David Ferrer.
O lema escollido este ano para celebrar o Día Mundial da Diabetes é "Educar para protexer o futuro", subliñando deste xeito a importancia da educación en diabetes e en nutrición e reclamando unha formación específica por persoal especializado para os pacientes.
A Milla Solidaria contará cunha carpa onde todo aquel que o desexe poderá facerse probas de glicemia e coa presenza de varios colexios profesionais que colaborarán con Anedia no seu labor de información e difusión.
A carreira, que incluirá unha pequena andaina inclusiva na que todo o mundo pode participar, desenvolverase en pleno centro da cidade, nun circuíto circular homologado que discorrerá pola avenida de Montero Ríos e que presentará como novidade unha espectacular proba de relevos 4x500.
Entre os actos conmemorativos tamén está prevista a iluminación da Casa Consistorial con luz de cor azul durante os días 13 e 14 e a celebración dunha xornada dedicada a diabetes no CEIP de Marcón este venres 11, incluíndo unha exposición dos Bolechas, a distribución do cadernillo de actividades editado por Anedia coa axuda das concellerías de Educación e de Benestar Social e varias sesións de contacontos protagonizadas por Raquel Queizás, co espectáculo Historias Azuis.
A presidenta de Anedia, María Jose Rego, asegurou que este Día Mundial da Diabetes "nós non temos nada que celebrar, o que temos que facer é seguir loitando como loitamos as 24 horas do día, ben coa enfermidade dos nosos fillos, ben coa nosa", quen recordou que "no día de onte recibimos precisamente un premio a nivel nacional polo noso traballo nos coles. Estamos moi orgullosos, sobre todo do traballo dos nosos voluntarios".
O director técnico da Milla, Gonzalo Méndez, celebrou o regreso da proba á Alameda, "que é un sitio incrible e marabilloso para facer deporte e para correr. A inscrición será masiva, había máis de 600 inscritos".
En opinión de Tino Fernández, as cifras de inscricións na Milla poñen de manifesto que "existe unha maior visibilización e que a xente está máis concienciada, que son precisamente os obxectivos que se perseguen con estes eventos".
Olga García Ballesteros aplaudiu o traballo desenvolvido por Anedia a prol do benestar dos pacientes que sofren a enfermidade da diabetes e destacou a importancia "da formación que se lles está a dar aos mestres para poder axudar aos nenos".