Máis de mil ciclistas participan na I Ruta BTT Cidade de Pontevedra

Pontevedra
30 de marzo 2014

A chuvia a primeiras horas da mañá deste domingo 30 non evitou que esta proba de exhibición contase coa presenza de numerosos participantes afeccionados ás probas ciclistas

A I Ruta BTT Cidade de Pontevedra venceu á chuvia de primeiras horas da mañá deste domingo 30 de marzo e máis de 1.000 ciclistas afeccionados sumáronse á celebración desta proba organizada polo Club Ciclista Farto.

Os participantes saíron da Avenida de Monteiro Ríos para dirixirse ata a Praza de Galicia e en Estrigueiras iniciar a suba ata Castiñeiras e Cotorredondo para descender por Blanco Amor ata o centro da cidade e concluír a proba na Alameda.

Desta forma cubriuse o obxectivo dunha Ruta que se centraba en animar os seguidores da bicicleta de montaña a participar neste percorrido de 35 quilómetros, coa intención de que se poidan seguir organizando futuras edicións con percorridos máis complicados.