Máis difícil do que indica o marcador, pero o Cisne gaña con solvencia a Handbol Bordils (36-28)

Pontevedra
24 de setembro 2017

Pleno do Cisne, tres de tres nun marabilloso arranque ligueiro que lle levou a ser o único equipo capaz de sumar os seus partidos por vitorias. Nesta ocasión a vítima foi un Hadbol Bordils que, a pesar da contundencia do marcador final, non se entregou nunca e por momentos fixo suar aos brancos para lograr dous novos puntos

Partido entre Cisne e Handbol Bordils no CGTD
Partido entre Cisne e Handbol Bordils no CGTD / Diego Torrado

Pleno do Cisne, tres de tres nun marabilloso arranque ligueiro que lle levou a ser o único equipo capaz de sumar os seus partidos por vitorias. Nesta ocasión a vítima foi un Hadbol Bordils que, a pesar da contundencia do marcador final, non se entregou nunca e por momentos fixo suar aos brancos para lograr dous novos puntos.

Foi un partido disputado a gran ritmo, cos ataques impoñéndose case sempre ás defensas e un Cisne que dominou desde o comezo. Os de Jabato atopaban con facilidade a opción de lanzamento e iso trouxo como consecuencia una certa relaxación defensiva que facía que os porteiros se desesperasen ante a falta de colaboración dos seus compañeiros.

Pronto empezarían as diferenzas para crecer. Dos tres goles nos dez primeiros minutos (7-4) aos catro pouco máis tarde, con ata oito opcións de ataque para ampliar renda, que o Cisne non aproveitaría. Con todo sería nos compases finais do primeiro tempo cando esa renda chegou a seis, para irse ao vestiario cunha cómoda vantaxe (18-13).

Nada máis empezar a segunda metade, Alejandro Conde poñía o 19-13 no marcador, que parecía sentenciar o partido, pero Handbol Bordils non se rendeu, dispuxo a defensa nun profundo 5-1 que molestou e moito á primeira liña pontevedresa. Con dificultades para mover o balón e un crecido Jordi González baixo paus, os cataláns volveron ao partido, pero o máximo que lograron foi poñerse a tres por baixo (26-23), con doce minutos por disputar.

Juanjo Novás, supliu con excelentes paradas os erros dos seus e Álex Chan conseguiu un gol decisivo a falta de dez minutos, para levar o 29-24 ao marcador, forzando ademais a exclusión de David Masó. Foi o final das aspiracións visitantes. O cansazo pesaba nas pernas dos defensores cataláns e o Cisne atopou con maior facilidade o camiño para bater con comodidade a meta rival.

Así a diferenza creceu ata os nove goles, para terminar nun claro 36-28, xusto, pero máis complicado que o que indican eses oito goles de renda conseguidos. Os de Jabato son líderes, asinando un inicio de tempada espectacular.

BM CISNE (36): Pablo Galán; Linhares (3), Álex Chan (6), Javi Vázquez (9, 3 de penalti), Carlos Pombo (3), Dani Ramos (3), Dani Tolmos -sete inicial-, Juanjo Novás (p.s.); Alberto Casares (4, 2 de penalti), Tenorio, Pablo Picallo, Andrés Sánchez (2), Miguel Simón (1), Pablo Gayoso (3), Alejandro Conde e Bruno Vázquez (2).

HANDBOL BORDILS (28): Joan Comas; Francesc Reixach (1, de penalti), David Masó, Ignacio Moreno (4), Karl Bogo (1). Ferrán Pou, Xavi Montero (2) -sete inicial-, Jordi González (p.s.); Sergi Mach (1), Marc Prat (2), Arnau Palahí (7, 1 de penalti), Ferrán Oliver (4), Jairo Montes (6) e Roberto Hospital.

Árbitros: Alejandro Hoz Fernández e Áxel Riloba Pereda (Cantabria). Excluíron dous minutos a Tenorio, Miguel Simón (3, descualificado no minuto 53) Alejandro Conde e Dani Tolmos, no Cisne, e a Ignacio Moreno, Karl Bogo (3, descualificado no minuto 60), Ferrán Pou (2) e David Masó (2), no Handbol Bordils.

Marcador (cada cinco munitos): 4-2, 7-4, 11-8, 13-9, 16-12, 18-13 (descanso), 22-16, 23-18, 24-20, 29-24, 32-26 e 36-28 (final).

Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 200 espectadores.