Primeiro partido do ano para o Club Cisne Balonmán e primeira derrota. O conxunto pontevedrés plantou cara, por momentos, ao Trops Málaga, pero foi a remolque durante todo o enfrontamento e terminou caendo por 33-29.
O inicio do encontro seguiu a tónica habitual por parte do conxunto pontevedrés, que cometía demasiadas imprecisións en ataque e topábase coa defensa ben situada dun Málaga que non tardaba en abrir unha importante brecha aos 10 minutos de xogo (9-5).
Entrou entón Bruno Vázquez ao terreo de xogo, pero os brancos non lograron cambiar o guion, estrelándose nun Villamarín convertido nun muro en portaría. Mentres tanto, na portaría do Cisne tamén aparecía Franzini, que evitaba que a hemorraxia fose maior e mantiña ao seu equipo na pelexa.
Pero era o Málaga o que dominaba e o que levaba o control no marcador con vantaxe de entre tres e cuarto goles. Con todo, a exclusión de Manu Díaz, aos 23 minutos, cambiouno todo.
Os brancos non desperdiciaron a superioridade e devolveron o empate ao luminoso (13-13), Fran García respondeu cun dobrete e Víctor Fernández, sobre a bucina, anotou o 15-14 co que se alcanzou o descanso.
O conxunto local golpeou primeiro, e por partida dobre, ao comezo do segundo tempo. O Cisne cambiou a unha defensa 5-1 (18-15), pero o Málaga seguía moi cómodo e abría de novo unha brecha que establecía o 26-21 aos 45 minutos.
Quiños parou o cronómetro, pero non conseguía dar coa clave para superar a Villamarín, que atraía todos os balóns como un imán e evitaba calquera intento de remontada do equipo lerezano.
O Cisne, a pesar diso, non lle perdeu a cara ao encontro e reduciu a diferenza até os dous goles cando o partido entrou nos 10 minutos finais.
Pero regresaron as imprecisións e os brancos erraron o lanzamento con no que puideron recortar a distancia nun gol (30-28).
Manu Lorenzo foise dous minutos ao banco, Fran García anotou o +3 e Quiños esgotou o seu último tempo morto a falta de minuto e medio para a conclusión. Dani Virulegio recortou diferenzas, pero o Málaga, por medio de Pablo Soler e Fran García, sentenciou o enfrontamento en 33-29.
Consulta a acta neste enlace