As lesións volven cebarse co Club Cisne Balonmán, que perde a un dos seus novos talentos para practicamente toda a tempada.
O club pontevedrés confirmou este mércores que a lesión de Marko Ojeda é de gravidade, e é que a renonancia magnética á que foi sometido revela que sofre unha rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo dereito.
Iso supón para o xove primeira liña un período estimado de baixa de entre seis e oito meses unha vez pase polo quirófano, unha intervención necesaria para a súa recuperación e que se programará en próximas datas.
Ojeda afrontaba con ilusión a que ía ser a súa tempada de debut na Liga Asobal, pero os problemas no seu xeonllo impedíronlle sequera chegar a estrearse na máxima categoría nas primeiras xornadas de liga.