Manolo Abalo, reelexido presidente do Arosa tras arrasar nas eleccións

O Salnés
08 de xuño 2019

285 votos, que supoñen casi o cen por cen, permiten a Abalo continuar no posto do club arousán e ampliar os nove anos que leva a cargo do mesmo

Manolo Abalo, presidente do Arosa, durante a asemblea de socios na que foi reelixido
Manolo Abalo, presidente do Arosa, durante a asemblea de socios na que foi reelixido / Arosa SC

Manolo Abalo, que leva xa nove anos á fronte do Arosa, volveu ser elixido este sábado polos socios do club, arrasando nas urnas. Un total de 285 votos, que supoñen case o cento por cento dos mesmos, deixan constancia de que "a xente valora o traballo, que é o importante", proclama. Ademais, confesou que se sente moi contento pola resposta da xente, que a pesar de que "sabía que tiña o agarimo de todos", non esperaba esta mostra de confianza.

Por unha banda, dando un salto ao pasado, facendo unha vista xeral dos últimos anos a cargo da presidencia, Abalo declara que "durante este tempo tentamos agrandar este club e mellorar o anterior. Non se se a nivel deportivo conseguímolo, pero, polo menos, agora o Arosa ten 10 anos máis por diante, algo que hai pouco parecía imposible".

En referencia á última tempada, explica que "si é certo que nos gustaría conseguir un deses catro postos para estar entre os mellores e meternos en play-off". Con todo, tamén engadiu que "aínda así, en ningún momento pasamos apuro".

Coa mirada posta no futuro, Manolo Abalo pensa ao grande: "Imos ir co mesmo á próxima tempada, pero, está claro que se dispoñemos de diñeiro e hai resposta favorable, imos fichar o mellor, a Messi", chancea. Ademais, confesa que unha das súas ilusións sería que "o Arosa convertésese no equipo referente da comarca. Que nos apoien sen esquecerse dos equipos das súas cidades, pero que tivesen ao Arosa tamén aí".

Pola súa banda, o outro candidato á presidencia foi Francisco Vázquez, que, na súa primeira candidatura, non conseguiu unha gran resposta por parte dos socios votantes (17 en total).