Manresa desborda ilusión para recibir o Pontevedra na Copa do Rei

Pontevedra
10 de novembro 2022

Será a primeira participación do club catalán en 36 anos no Torneo do K.O. Ante a efeméride lanzaron camisetas conmemorativas para afeccionados e para o equipo, e agrárdase un bo ambiente nas bancadas

Afeccionados do Manresa coa camiseta conmemorativa da súa participación en Copa do Rei
Afeccionados do Manresa coa camiseta conmemorativa da súa participación en Copa do Rei / CE Manresa

Pasaron nin máis nin menos que 36 anos da última vez que o CE Manresa disputou a Copa do Rei. Por iso a visita o vindeiro domingo 13 (12.00 horas) do Pontevedra Club de Fútbol na primeira eliminatoria do Torneo do K.O. estase vivindo de maneira especial na localidade.

O club catalán sacou unha camiseta conmemorativa para os seus afeccionados da súa participación na Copa a un prezo de 10 euros, ademais de presentar unha camiseta especial que lucirán os seus xogadores.

A iso súmase o acceso de balde a toda a base da entidade. No que respecta aos socios deberán adquirir entradas a 10 ou 15 euros en función da súa localización (20 e 30 euros para o público xeral).

Con eses ingredientes espérase un bo ambiente nas bancadas do Municipal El Congost, instalación con capacidade para 2.200 espectadores e terreo de xogo de céspede artificial. Será de feito a primeira vez esta campaña que o Pontevedra xogue un partido oficial en superficie sintética, prohibida na Primeira RFEF.

En canto ao Manresa como rival, a pesar de ser un recentemente ascendido á Segunda RFEF está a protagonizar un inicio de campaña sobresaliente, situándose con 19 puntos en postos de play-off de ascenso (cuartos) e a só dous puntos do liderado no seu grupo, o que avisa do que lle pode esperar ao conxunto granate en Cataluña.

Será a cuarta participación na historia dos cataláns na Copa do Rei, dándose a casualidade de que nunha delas, na campaña 75-76, cruzouse precisamente co Pontevedra no que é o único enfrontamento oficial entre ambos os dous. Naquela eliminatoria, o Manresa venceu na ida no seu estadio por 2-0 e na volta o equipo da Boa Vila repetiu resultado para culminar a remontada na prórroga (3-0) e avanzar de rolda.