Manu Vizoso e a vida dun porteiro que busca a súa oportunidade: "Síntome dentro do equipo, e para axudalo teño que adestrar ao máximo"

Pontevedra
01 de novembro 2023

O gardameta cangués, que esta tempada deu o salto ao primeiro equipo do Pontevedra tras pasar polo xuvenil e o filial, asegura estar contento coa decisión tomada no verán esperando agora unha oportunidade "con moita fame e ilusión, adestrando ao máximo, e no momento que chegue tentarei aproveitala"

Manu Vizoso, nun adestramento do Pontevedra en Pasarón
Manu Vizoso, nun adestramento do Pontevedra en Pasarón / Mónica Patxot

Chegou ao Pontevedra en idade xuvenil, e tras pasar tamén polo filial do club, Manu Vizoso deu o salto este verán ao primeiro plantel granate. Aos seus 20 anos e á sombra dun veterano como Edu Sousa, espera a súa oportunidade "con moita fame e ilusión, adestrando ao máximo, e no momento que chegue tentarei aproveitala", asegura.

É a vida dun porteiro suplente, pero a pesar de non xogar con asiduidade non se arrepinte da decisión xa que estar nun equipo de Segunda RFEF, e coas aspiracións que ten o Pontevedra, é unha oportunidade para poder vivir da súa paixón. "Cando Charles e a directiva propúxomo nin mo pensei. Preguntáronme se quería estar no primeiro equipo ou un ano máis no filial, e collino con moitas ganas. É un ambiente máis profesional, unha chea de boa xente, a maneira de vivir os adestramentos é diferente, agora xa hai moita máis esixencia", explica a PontevedraViva.

Mentres non chega o momento de xogar tenta empaparse todo o posible da experiencia do seu compañeiro Edu e tamén do adestrador de porteiros, Moncho. "Compartir portería con Edu tómomo como unha aprendizaxe. Estamos a adestrar e teño unha relación moi boa con el, axudámonos, e el sábeme transmitir esa información ou conceptos que eu ao ser máis novo aínda non vexo. Axúdame co posicionamento, a lectura do partido... A relación é súper boa e á parte diso esixímonos adestrando que creo que é moi bo, nós competimos adestrando para así facernos mellores".

Manu ademais cre no traballo en equipo, e é que "un equipo rodéase de todos os xogadores que o forman, se un baixa o nivel o equipo baixa o nivel". Por iso, defende, "aínda que agora mesmo non estea a participar eu se baixo o nivel adestrando vaise notar, e por iso eu síntome dentro do equipo, para axudalo teño que adestrar ao máximo".

Tanto é así que "no momento que hai unha portería a cero felicítoo, estou orgulloso del e tamén síntome un pouco partícipe porque ao final comparto moitos momentos con el e xuntos subímonos o nivel o un ao outro", sinala convencido da súa importancia.

Mentres tanto soña con algún día poder estrearse na liga, porque "todos os xogadores da canteira soñan con pisar Pasarón co primeiro equipo e facer un bo debut", ademais de por o evidente, porque desde o banco "póñome máis nervioso porque sabes que non podes facer nada para axudar o equipo".

En canto á marcha do Pontevedra, Vizoso cre que "o nivel do equipo para a categoría é moi alto e a forma de traballar é moi boa, coas ideas que ten Yago. Nós entendémolas moi ben e as cousas están a saír". Todo co primeiro posto en mente. Para iso traballan todos e cada un dos integrantes do primeiro plantel granate, e Manu Vizoso gañouse o dereito a ser un deles.