Manuel Fontán queda ás portas do podio no Mundial Júnior de piragüismo

Pontevedra
29 de xullo 2018

O padexeiro do Náutico O Muíño foi cuarto na final do C-4 500 metros do Campionato do Mundo que concluíu este domingo en Bulgaria, quedando a tan só 82 milésimas da medalla de bronce

Manuel Fontán (segundo pola esquerda) no Mundial Júnior de Piragüismo
Manuel Fontán (segundo pola esquerda) no Mundial Júnior de Piragüismo / Federación Galega de Piragüismo

A só 82 milésimas do podio mundialista quedou Manuel Fontán (Náutico O Muíño) na última xornada do Campionato do Mundo Júnior e Sub-23 de piragüismo que se celebrou ata este domingo na localidade búlgara de  Plovdiv.

O caonísta de Ribadumia foi cuarto na final C-4 500 metros en categoría júnior xunto a Joan Antoni, David Sánchez e Nicolás Sprimont, nunha carreira na que pelexaron ata a última palexada polo podio con Rusia, Ucraína, Alemaña que levaron o ouro, prata e bronce respectivamente.

Na última xornada do Mundial tamén competiron María de la Peña (Ciudad de Pontevedra) con María Pérez (O Muíño) no  C-2 500 metros júnior, pero non lograron pasar das semifinais, do mesmo xeito que Carolina García (Ciudad de Pontevedra) no K-2 con Bárbara Pardo.

Si se meteron na final Sub-23 da mesma modalidade, o C-2 500 metros, Antía Jácome (Ciudad de Pontevedra) coa súa compañeira Belén Díaz, conseguindo a novena posición final. Mesmo posto conseguiron Noel Domínguez (Breogán) con Gonzalo Martín tamén no C-2.

A Federación Galega de Piragüismo valora positivamente o papel dos seus padexeiros nesta competición internacional, ata 14 deportistas, ao tratarse na maioría dos casos de piragüistas de primeiro ano tanto en idade xuvenil como sub-23.