Manuel Hurtado é o novo director das escolas da Sociedad Gimnástica

Pontevedra
10 de agosto 2021

O fondista encargarase de dirixir os adestramentos dos atletas máis novos da escuadra pontevedresa, que abrirá o 23 de agosto o período de inscrición para as categorías sub 10, sub 12 e sub 14. 

Manuel Hurtado, gañador do XX Medio Maratón Cidade de Pontevedra
Manuel Hurtado, gañador do XX Medio Maratón Cidade de Pontevedra / Diego Torrado

A Sociedade Gimnástica de Pontevedra ten novo director para as súas escolas. Manuel "Huracán" Hurtado, atleta do club e subcampión de España de maratón, exerce xa como o principal coordinador da base do club decano do atletismo pontevedrés. O fondista levaba dez anos dirixindo os adestramentos do club Franciscanos de Lugo, así como de diferentes atletas que compiten coa Atlética Lucense.

Adestrador nacional de atletismo (Nivel III), graduado en Educación Primaria, especialista en inglés e educación física e cun máster de alto rendemento deportivo do Comité Olímpico Español (COE), Hurtado asume desde este momento a dirección dos adestramentos da canteira do atletismo pontevedrés.

Ademais, o club abrirá o 23 de agosto o período de inscrición para as categorías sub 10, sub 12 e sub 14, á que poden anotarse aqueles mozos nados entre o 2009 e o 2014. Os adestramentos comezarán o 15 de setembro no CGTD con tres sesións dunha hora por semana. Os interesados teñen ata o 10 de setembro para formalizar a súa matrícula.