Manuel Osorio, Alberto dos Reis e Javier Ramilo triunfan no RallyMix de Portas

Umia
27 de agosto 2023

Manuel Osorio e Alberto dos Reis foron o equipo máis rápido na terceira edición do Rallymix de Portas, cuarta proba puntuable para o Campionato Galego da modalidade. Na clase A, o primeiro posto para Javier Ramilo cun tempo final de 44:52.661 

Javier Ramilo, no RallyMix de Portas
Javier Ramilo, no RallyMix de Portas / Federación Galega de Automobilismo

O RallyMix Concello de Portas chegou ao seu fin despois de dous intensos días e cinco mangas cronometradas que contaron para o Campionato Galgo da modalidade.

Os mellores nesta terceira edición foron Manuel Osorio e Alberto dos Reis, aos mandos do seu habitual Skoda Fabia R5, acadando o primeiro posto da clasificación xeral combinada das categorías A e B nunha competición de dúas xornadas na que o treito puxo a proba ás mecánicas dos participantes e na que se situaron xusto a continuación Javier Ramilo e Daniel Remuiñán, no segundo e terceiro posto, respectivamente.

Desta forma, o equipo do Skoda completou as cinco mangas cun tempo total de 44:46.126, facéndose así co triunfo na clase B, reservada a carrozados. Acompañárono no podio desta categoría, Jaime Pérez e Gonzalo Cardalda co Peugeot 208 T16 R5 e os irmáns Celestino e Jorge Iglesias, no Ford Fiesta N5.

Na clase A, o primeiro posto para Javier Ramilo cun tempo final de 44:52.661. O do Yacarcross situouse na primeira praza da xeral logo da primeira manga do domingo, pero cedeu o lugar máis alto desta clasificación xeral combinada ante o ataque do equipo do Fabia R5.

Os restantes postos do podio desta clase foron para Daniel Remuiñán e para Antonio Viloria, que retivo finalmente o terceiro posto ante un Alfonso 'Pisko' Ventín que protagonizou unha excelente remontada.

A quinta proba puntuable para o Campionato Galego de Rallymix será os días 23 e 24 de setembro en Cuntis.