Manuel Parada e Nuria Senra, vencedores do Open Galicia de BTT en Poio

Poio
10 de abril 2017

Máis de 150 bikers participaron na competición celebrada o pasado sábado en Samieira, na que supoñía a segunda cita puntuable do Open de Galicia de Cross Country Olímpico (XCO)

Entrega de trofeos do Open Galicia de XCO celebrado en Samieira
Entrega de trofeos do Open Galicia de XCO celebrado en Samieira / Federación Galega de Ciclismo

A segunda proba da tempada do Open de Galicia de Cros Country Olímpico (XCO) reuniu en Samieira máis de 150 bikers nunha lucida xornada deportiva.

Manuel Parada e Nuria Senra foron os grandes vencedores da xornada, logrando situarse como líderes da clasificación xeral.

Nun esixente e técnico circuíto, Senra (Eskornabois) non tivo rival na categoría feminina aproveitando a ausencia de Lucía Vázquez, vencedora da primeira proba do campionato, e cun tempo de 1 hora, 20 minutos e 8 segundos superou en máis de seis minutos á segunda clasificada, Xiana Conde (Academia Postal - Actyon). O podio da categoría Elite feminina completouno Zaida González (Cidade de Lugo - Esturión).

Pola súa banda Manuel Parada (Barbanzabike) detivo o reloxo en 1:29:54, con case tres minutos de vantaxe sobre Darío Otero (Compostelano), que á súa vez dobregou por oito segundos de diferenza a Jorge Punzón (Fundación Óscar Pereiro) na loita pola segunda posición.

Tras a proba organizada polo Club Ciclismo Tríatlon Poio a seguinte parada do Open de Galicia de XCO terá lugar o 22 de abril na localidade coruñesa de Arteixo.