Maratón de piragüismo esta fin de semana en Verducido

Pontevedra
26 de agosto 2021

O complexo deportivo David Cal acolle o campionato de España de maratón curto no que participarán preto de 550 deportistas de categoría cadete, xuvenil, sénior e veterano

Tino Fernández e Alfredo Bea presentan o Campionato de España de Piragüismo na modalidade de maratón curta
Tino Fernández e Alfredo Bea presentan o Campionato de España de Piragüismo na modalidade de maratón curta / Concello de Pontevedra

O complexo deportivo David Cal de Verducido acolle esta fin de semana o campionato de España de maratón curto para as categorías cadete, xuvenil, sénior e veterano. Serán dúas xornadas, 28 e 29 de agosto, de intensa actividade deportiva no encoro do Pontillón do Castro, onde se darán cita 541 padeeiros procedentes de toda España.

Cada unha das categorías constará de dúas semifinais, das que sairán os clasificados para a regata polo título. A actividade comezará ás 9 horas do sábado coa cateogría cadete, e ás 19.30 está prevista a saída dos absolutos. O domingo celébranse as probas dos veteráns. Os piragüistas, tanto na modalidade de canoa como de kaiak, deberán completar un percorrido de 3.500 metros que inclúe un total de dous porteos.

A competición foi presentada este xoves no Concello de Pontevedra polo titular de Deportes, Tino Fernández, e o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea. "Este está sendo o ano da piragua para Pontevedra", recoñeceu o concelleiro convencido de que a proba será un éxito de participación, público e tamén para a economía local.

Despois de explicar o regulamento da proba, o representante da federación quixo destacar a importante tradición piragüística de Pontevedra, que foi a "semente" da que brotaron o resto de clubs das rías de Pontevedra e Arousa. 

Coa disputa deste campionato non remata a actividade no Pontillón, pois para o martes está previsto un selectivo do que sairán os representantes españois para o mundial que se celebra en setembro en Dinamarca.