Marcos Miragaya acudirá ao Mundial cadete de loita como seleccionador nacional

Pontevedra
26 de xullo 2019

O técnico pontevedrés, que dirixe o grupo de alto rendemento do CGTD, será responsable do equipo nacional no Campionato do Mundo da categoría que se celebrará do 29 de xullo ao 4 de agosto en Sofía, Bulgaria

Lydia Pérez e Marcos Miragaya (esquerda) no Torneo Internacional de Dormagen, en Alemaña
Lydia Pérez e Marcos Miragaya (esquerda) no Torneo Internacional de Dormagen, en Alemaña

O Campionato do Mundo Cadete de loitas olímpicas que se vai a disputar na capital búlgara, Sofía, terá acento pontevedrés.

Marcos Miragaya, adestrador do Club de  Loita Pontevedra e responsable do grupo de rendemento do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, acudirá á cita como seleccionador nacional.

O Mundial Cadete disputarase entre o 29 de xullo e o 4 de agosto, e no mesmo competirá o madrileño Gabriel Iglesias, na categoría de loita libre -71 quilos.

LYDIA PÉREZ, NO TORNEO INTERNACIONAL ZIOLKOWSKI

Tres deportistas galegos, entre eles a pontevedresa Lydia Pérez Touriño, foron convocados pola selección nacional para participar no Torneo Internacional  Ziolkowski que terá lugar en Varsovia, Polonia, do 1 ao 5 de agosto.

Lydia competirá na categoría de -62 quilos nunha cita que servirá de preparación para o Mundial Absoluto, primeiro torneo clasificatorio para os Xogos de  Tokyo.

En Varsovia estarán tamén Nerea Pampín (Keltoi de Vila de Cruces) en -65 quilos e Damián Iglesias (Club de Loita Touro) en -86 quilos. Ademais os tres permanecerán despois uns días máis en Polonia para participar nunha concentración de adestramento.