Marea esixe a María Ramallo que non ceda á "chantaxe" que pon en risco a carreira Pinga Pinga

Marín
26 de setembro 2017
Actualizado: 13:03

O grupo municipal de Marea Marín acusa a José Cidrás, presidente da Asociación Deportiva Santomé e concelleiro popular, de ameazar á alcaldesa con "abandonar a disciplina do grupo municipal do Partido Popular e rexistrarse no grupo de non adscritos" se permite a celebración da carreira popular organizada polo Club Pinarium

VII Carreira Pinga-Pinga
VII Carreira Pinga-Pinga / Diego Torrado

A polémica que rodea á próxima edición da carreira popular Pinga Pinga en Santo Tomé de Piñeiro, lonxe de solucionarse, salpica tamén á política municipal.

A poucos días da data marcada para a súa celebración (sábado 7 de outubro), a cancelación segue sobrevoando á organización do Club Deportivo Pinarium ante a imposibilidade de utilizar as instalacións do campo de fútbol de Chan de Piñeiro, lugar de saída e chegada da proba.

Por ese motivo Marea Marín esixiu á alcaldesa María Ramallo e ao concelleiro de Deportes, Antonio Traba, que tomen cartas no asunto e acaben coa "chantaxe" do presidente da Asociación Deportiva Santomé, e concelleiro popular, José Cidrás.

Asegura Marea que detrás da postura do dirixente, que ignora o convenio que obriga a ceder o campo de fútbol cinco días ao ano, e a posterior inacción do Concello escóndese "a velada ameaza do concelleiro José Cidrás de abandonar a disciplina do grupo municipal do Partido Popular e rexistrarse no grupo de non adcritos" se se permite celebrar o evento, unha decisión que provocaría a perda da maioría absoluta ao actual equipo de goberno.

Ademais a agrupación política acusa o presidente do Santomé de presionar aos equipos de fútbol veterano que tiñan previsto xogar os seus partidos o 7 de outubro na instalación, e que aceptaran trasladalos a outros lugar, para evitar que o campo estivese desocupado e se puidese celebrar a oitava edición da carreira Pinga Pinga.

Todo iso, recorda Marea, pese que os gastos de luz e auga do campo de fútbol "son asumidos polo Concello" e custeáronse as obras de renovación da instalación cun importante investimento de diñeiro público.

O BNG SÚMASE ÁS CRÍTICAS

Tamén o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego responsabilizou ao goberno local da situación de bloqueo actual. "Se finalmente o evento non se pode celebrar a señora alcaldesa será a responsable política da súa suspensión", sinala nun comunicado a formación política.

O BNG entende ademais que a "chantaxe do presidente do Santomé ao evento deportivo debe ter unha resposta contundente por parte do goberno municipal".