A quinta xornada de liga traerá para o Pontevedra Club de Fútbol o primeiro derbi da tempada e a primeira opción dun desprazamento masivo para a súa afección.
É só a xornada 5 pero o duelo no Couto contre o Ourense CF (16.15 horas) preséntase xa como un choque importante para tomar vantaxe sobre un teórico rival directo na loita pola permanencia.
Os granates de feito marcan a zona de salvación con 4 puntos, mentres que o cadro ourensán é pechacancelas con 2 puntos.
Ante esta situación a 'Marea Granate' empezouse a organizar e mobilizar para tinguir O Couto.
A proximidade e o horario, un sábado á primeira hora da tarde, favorecen ese desprazamento masivo de afeccionados.
Tamén porá da súa parte o propio Pontevedra, que anunciou un desprazamento organizado en autocar para os que queiran optar por esa opción a un prezo alcanzable.
O custo fixouse en 25 euros, coa entrada incluída e saída ás 11.00 horas desde o Pavillón Municipal dos Deportes, podendo reservarse nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón até o vindeiro xoves día 25.
Para os que prefiran viaxar pola súa conta, que serán un bo número de afeccionados, as entradas soltas para o choque ponse este luns á venda a través da páxina web do Ourense CF.
A localización designada para agrupar aos seguidores pontevedreses son os sectores 1 e 2 de Preferencia Alta e Baixa.