Marga Caldas: "Chegou o momento de que o motor deportivo de Poio volva funcionar a pleno rendemento"

Poio
01 de xuño 2021

A intención do goberno local é poder convocar unha reunión do Consello Municipal de Deportes a final do mes de xuño. Na orde do día, ademais das propostas dos clubs, estará o calendario de actuacións previstas para mellorar as instalacións deportivas

Marga Caldas, concelleira de Poio
Marga Caldas, concelleira de Poio / Mónica Patxot

Dar un paso máis cara á normalidade no que a actividade deportiva se refire é o obxectivo do Concello de Poio, que avanza a súa intención de convocar unha reunión do Consello Municipal de Deportes.

Este encontro, se a evolución epidemiolóxica continúa a súa tendencia á baixa, celebraríase de maneira presencial a finais do mes de xuño no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, segundo confirma a edil de Deportes, Marga Caldas.

"Queremos dar unha marxe razoable aos clubs e ao resto de grupos da Corporación que forman parte do Consello para que poidan realizar as súas propostas ou achegas durante a celebración do mesmo", puntualiza a edil.

Na orde do día, ademais das propostas dos clubs, estará o calendario de actuacións previstas para mellorar as instalacións do municipio, destacando a instalación dunha cuberta na pista de tenis de Monte Baldío, en Raxó, ou a mellora do céspede dun dos campos de fútbol da Seca. Ademais "queremos retomar a liña de actividades anuais que se viñan desenvolvendo anualmente ata a chegada da pandemia e que tiveron que suspenderse", explica a responsable de Deportes. Os novos criterios para o uso de instalacións será outro dos temas para tratar.

Todo iso mirando sen descartar o ansiado novo pavillón co que se pretende "ir da man do tecido deportivo para desenvolver o proxecto", explica Marga Caldas.

Por último a concelleira, ante a reunión do Consello Municipal de Deportes, defende que "sempre tivemos claro que o deporte é vida e é saúde, polo que resulta imprescindible poder garantir a súa práctica", polo que "agora entendemos que é o momento de que o motor deportivo do municipio volva a traballar a pleno rendemento".