Problemas para o Marín Futsal, que empeza a ver moi de cerca o descenso tras a dura derrota este sábado na pista do Guadalcacín (7-2) e os triunfos por detrás de Rubí e Ourense.
Visitaban as marinenses ademais a un rival directo pola permanencia, ao que avantaxaban en tres puntos, pero todo saíulles mal.
Ao tres minutos de xogo o equipo gaditano abría o marcador aproveitando Nona un erro na saída do Marín para bater a Patri Arruti.
A distancia ampliábase no minuto 9 nunha transición local finalizada con acerto por María.
More pedía tempo morto para tentar cortar o momento do seu equipo, e aínda que gozou dalgunha ocasión para marcar o que chegou a pouco do descanso foi o 3-0, de novo por obra de María nunha acción de estratexia.
O peor é que a acción chegaba tras lesionarse Patri nunha acción fortuíta coa súa compañeira Café, tendo a gardameta que abandonar finalmente a cancha.
Con esa importante desvantaxe chegábase ao descanso. Había que mellorar moito si se quería pensar en puntuar. Con todo un penalti por un pisotón á local Lora converteuse no 4-0 de Ame Romero que practicamente finiquitaba o duelo con 15 minutos aínda por xogar.
O Marín Futsal reaccionaba apostando polo xogo de cinco e Gi Portes acertaba na primeira acción para recortar distancias (4-1), pero a alegría durou moi pouco xa que na seguinte acción Nekane facía o quinto do Guadalcacín.
Seguiron insistindo as xogadoras adestradas por More, ata que unha perda ocasionou o 6-1 de Guti a porta baleira. Chegaría da mesma maneira o 7-1 de Lora para sentenciar o partido.
Café faría o 7-2 a segundos da conclusión para un Marín que ten xa soamente un punto de vantaxe sobre a zona de descenso.