Marín prepárase para acoller o "evento más grande" do kick boxing nacional

Marín
03 de maio 2018

O Campionato de España de Kick Boxing por Autonomías congregará a preto de 800 deportistas do 11 ao 13 de maio no pavillón marinense da Raña

Presentación do Campionato de España de Kick Boxing en Marín PontevedraViva

O kick boxing está "a pegar forte en Marín",  asegurá o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, non en balde a vila será escenario do 11 ao 13 de maio dunha das grandes competicións do calendario nacional.

O pavillón da Raña acollerá o Campionato de España de Kick Boxing por Autonomías para as categorías infantil, cadete e junior, coa presenza de case 800 deportistas, dos cales 94 serán galegos.

"É o evento máis grande de tatami da tempada", asegurou á súa vez na presentación da competición o presidente do club organizaor,   ABP  Sport, José Manuel Santiago, acompañado do presidente da Federación Galega de Kick Boxing, Serafín Mayo.

Na pista marinense instalaranse ata 8 tatamis, nos que se competirá nas modalidades de 'pointfighting', 'light contact', 'kicklight' e formas musicais.

A actividade arrincará ás 19:00 horas do venres 11 de maio coa recepción e pesada dos participantes, mentres que o sábado 12 ás 10:00 horas presentaranse ás seleccións participantes e ás 10:30 horas comezarán as eliminatorias e semifinais en xornadas intensiva ata aproximadamente as 21:00 horas. Pola súa banda para a última xornada, o domingo 13, quedarán o resto de eliminatorias e finais a partir das 9:00 horas.

A entrada para asistir ao evento custará 10 euros para unha xornada ou 15 euros para as dúas, e poderán adquirirse á chegada ao propio recinto deportivo.