Marín reabre as súas pistas deportivas ao aire libre para o seu uso público

Marín
27 de maio 2020

O Concello volve permitir a práctica deportiva nunha decena de instalacións municipais nas que colocou un panel informativo con recomendacións sanitarias que os usuarios deben obedecer

Carteis informativos para a reapertura das instalacións deportivas de uso público ao aire libre de Marín
Carteis informativos para a reapertura das instalacións deportivas de uso público ao aire libre de Marín / Concello de Marín

A desescalada pola pandemia do coronavirus segue queimando etapas e aos poucos os cidadáns van retomando á súa vida normal. Un novo paso adiante ten previsto dalo adiante este mércores o Concello de Marín coa reapertura das pistas deportivas de uso público ao aire libre.

O goberno local informa que desde a tarde do 27 de maio, os usuarios poderán volver practicar deporte nas pistas multideporte da Praza de España, as porterías e canchas do Parque Eguren, a pista de baloncesto e a zona de skate do Parque Azul de Cantodarea, as pistas polideportivas de Mogor, San Pedro, A Cañota, Seixo, Arealonga e dun dos accesos á praia de Aguete.

En todas elas o Concello colocou unha serie de carteis informativos sobre a necesidade de, tamén no deporte, manter as medidas sanitarias e de seguridade recomendadas.