O Concello de Marín decidiu recuperar a súa Gala do Deporte, un evento pensado para recoñecer o esforzo e valores de deportistas, clubs, persoas e entidades do deporte local.
A Gala do Deporte, que levaba uns anos sen celebrase, contará con 13 categorías de premios que recoñecerán os méritos alcanzados ao longo do ano 2025.
Segundo informa o goberno local a data para a súa celebración será, salvo necesidade de cambio, o día 20 de febreiro.
A maquinaria está xa en marcha, e o Concello abrirá o día 1 de xaneiro o prazo para presentar candidaturas á Gala do Deporte, un período que permanencerá aberto até o día 16 de xaneiro.
Poderán presentar propostas clubs deportivos, asociacións, entidades, institucións e a cidadanía en xeral, así como o xurado.
Nesta edición concederanse premios en categorías como mellor deportista masculino e feminino, deportista de base, deportista veterano/a, mellor club ou entidade deportiva, mellor adestrador/a, premio á inclusividade, ao voluntariado deportivo, ao deporte con valores, ao deporte base e á formación, ao mellor evento do ano e ao patrocinio e colaboración co deporte.
As candidaturas poden presentarse a través do Rexistro Municipal do Concello de Marín ou utilizando o correo electrónico [email protected].