Marín vibra cunha Manuel Rosales 10K de récord

Marín
27 de xullo 2026

O triatleta Xavi Cabanilles batiu o récord da proba reina ao baixar da media hora (29:47). Preto de 1.350 corredores gozaron en Marín da edición máis multitudinaria da historia

Manuel Rosales 10K de Marín Concello de Marín

A décimo terceira entrega da Manuel Rosales 10K de Marín quedará para o recordo por ser a edición dos récords en todos os sentidos.

En primeiro lugar, por ser a máis multitudinaria até o momento con preto de 1.350 corredores e, doutra banda, por ter a nova mellor marca na proba reina de 10 quilómetros.

O encargado de bater o anterior rexistro fixado por David de la Fuente (00:30:24) foi o triatleta Xavi Cabanilles. O valenciano parou o cronómetro antes de chegar á media hora de carreira (00:29:47) para facerse coa vitoria na edición máis rápida da historia.

A súa vitoria adquire un mérito maior se temos en conta o resto de tempos xa que o segundo, terceiro e cuarto clasificado desta edición tamén bateron o récord fixado por David de la Fuente.

Hugo García terminou segundo por baixo da media hora (00:29:52), Denis Incutti completou o podio ao parar o crono en 00:30:01 e Amadeo Abal, que finalizou cuarto, tamén asinou un rexistro de récord (00:30:16).

Manuel Rosales 10K de MarínConcello de Marín

En canto á categoría feminina, a atleta Sara Castillo alzouse coa primeira posición cun tempo de 00:35:46 por diante de Alba Raso (00:38:51) e da deportista da Gimnástica, Isabel Caeiro (00:39:17).

Como principal novidade, esta edición de 2026 contou cunha versión 5K que culminou con vitoria de Sergio Quintas na clasificación xeral (00:15:19) e de Candela Sánchez na categoría feminina (00:16:45).

Fóra do apartado deportivo, os máis de 1.300 participantes puideron gozar dunha gran xornada na que o bo ambiente xunto ás agradables temperaturas permitiron a todo o mundo gozar do evento.

Os máis pequenos tamén encheron a Avenida de Ourense con carreiras de todas as categorías nunha xornada que demostrou, unha vez máis, o auxe dunha das probas deportivas máis atractivas de toda Galicia.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora