Marina Casado, unha pontevedresa na elite do waterpolo feminino

Pontevedra
21 de abril 2015

A deportista pontevedresa, primeira galega en debutar na máxima categoría do waterpolo nacional, acaba de lograr o ascenso á División de Honra Feminina co equipo navarro WP 9802

Marina Casado (centro) con varias compañeiras do WP 9802
Marina Casado (centro) con varias compañeiras do WP 9802 / CW Galaico Pontevedra

Foi a primeira xogadora galega en debutar na máxima categoría do waterpolo nacional e agora, tras un breve paso pola Primeira División, Marina Casado retorna á elite.

A pontevedresa, formada nas filas do CN Pontevedra, logrou o pasado domingo o ascenso á División de Honra Feminina co equipo navarro WP 9802.

Fíxoo tras vencer o seu equipo na penúltima xornada ao CN L'Hospitalet por 11-10 proclamándose campioas da Primeira Nacional.

Marina, que xoga no conxunto navarro dende a tempada 2012/2013, converteuse nunha xogadora importante no seu equipo.

Ademais a pontevedresa foi unha das máximas goleadoras da competición con 28 tantos, situándose no posto 14 desta clasificación.