Mario Gómez: "Creo que Ourense e Zamora van deixar poucos puntos"

Pontevedra
13 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O central do Pontevedra Club de Fútbol compareceu este mércores na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón. Asegura que o equipo granate deu "un paso adiante" tras a derrota sufrida contra o Zamora demostrando "unha fortaleza mental buenísima"

Mario Gómez, adestrando co Pontevedra na Xunqueira
Mario Gómez, adestrando co Pontevedra na Xunqueira / Cristina Saiz

O plantel do Pontevedra Club de Fútbol prepárase para o sprint final da tempada e faino convencido de que a pelexa polo primeiro posto será sen cuartel ata o último día.

Así o asegurou este mércores Mario Gómez na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón, e é que "vendo o nivel e a xeira dos tres equipos quen che di que non podemos aguantar os tres estes oito partidos", afirma.

De feito o defensor granate cre que "Ourense e Zamora van deixar poucos puntos" ata o final da competición, o que obriga a minimizar os fallos.

Neste sentido "tras a derrota do Zamora o equipo deu un paso adiante, creo que o equipo ten unha fortaleza mental boísima e estamos preparados para estes oito partidos", defende o central, peza fixa nos plans de Yago Iglesias. Tanto é así que na súa primeira campaña en Pasarón só perdeu unha das 26 xornadas de liga, por sanción, e en 24 delas partiu no once titular.

Mario opina ademais que nas oito xornadas que restan "calquera equipo vai saír co coitelo entre os dentes", empezando o vindeiro domingo cun Rayo Cantabria que "aquí foi un dos rivais que máis nos gustou, tanto defensiva como ofensivamente", polo que augura "un partido bastante complicado".

O defensa do Pontevedra mostrouse ademais esixente co seu nivel, asegurando que contra o Avilés, a pesar de lograr o seu primeiro gol coa camiseta granate "foi o meu peor partido en Pasarón", un mal día no particular que compensou no colectivo ao deixar seis xornadas despois a portería propia a cero, un obxectivo para repetir porque sempre que o logran "estamos máis preto de gañar".