Dúas semanas despois da suspensión do Open de París, cidade na que viviron de preto os terribles atentados que alí sucederon, os taekwondistas pontevedreses regresan á competición internacional.
Tres deles participarán esta fin de semana nunha nova proba de categoría G-1, o Open Internacional de Marrocos, que se celebrará na localidade de Agadir.
Alí estarán a caldense Lúa Piñeiro (Natural Sport) para competir en -67 quilos, mesma categoría que a marinense Katya Calvar (Mat's), completando a expedición o pontevedrés Borja Ríos (Hebe) en -63 quilos.
A intención de todos eles é lograr unha boa actuación que lle permita ascender postos no ránking mundial para os obxectivos internacionais de 2016.
En Marrocos participarán un total de 437 deportistas en categoría senior.
Borja Ríos será o primeiro en participar, o sábado 28, mentres Lúa e Katya competirán o domingo 29 de novembro. Completa o equipo galego a coruñesa Sara García (Dobok) en 57 quilos.