Martín Davila, reforzo do Teucro para o extremo dereito

Pontevedra
29 de xullo 2021

"Estou moi contento de fichar neste equipo, xa que é un histórico que sigo desde pequeniño", sinalou o xogador tras confirmarse a súa fichaxe. É a cuarta incorporación do equipo

Martín Davila, novo xogador do Teucro
Martín Davila, novo xogador do Teucro / Sociedad Deportiva Teucro

Cuarto reforzo da Sociedade Deportiva Teucro, que confirmou a incorporación do extremo dereito Martín Davila.

O xogador, de 22 anos, procede do Balonmán Cañiza de Primeira Nacional, club ao que chegou tras completar a súa etapa de base no Balonmán Porriño.

"Chega ao club para ofrecer ao plantel velocidade, axilidade e unha alta eficacia goleadora", sinala a entidade teucrista.

Pola súa banda Davila recoñeceu tras pecharse a operación estar "moi contento de fichar neste equipo, xa que é un histórico que sigo desde pequeniño. Espero sacar o mellor do meu e creo que imos competir todos os partidos con garra e ilusión".

Martín Davila convértese na undécima peza confirmada do Teucro 21-22 que competirá na División de Honra Prata, xunto aos tamén fichados Álvaro Moreno, Gonçalo Morais e Joshua Rau e aos renovados Caue Herrera, Ricardo González, Miguel Sío, Alejandro Gómez, Víctor Deco, Iago Rodríguez e Pedro Sánchez.