Medallista nacionais e internacionais para a II Gala Pablo Hinojar de ximnasia

Pontevedra
29 de xaneiro 2026

A homenaxe ao falecido adestrador pontevedrés terá lugar este próximo sábado 31 de xaneiro no Pavillón Municipal dos Deportes a partir das 18.00 horas

Presentación da II Gala Internacional Pablo Hinojar de Ximnasia
Presentación da II Gala Internacional Pablo Hinojar de Ximnasia / Concello de Pontevedra

A Boa Vila, e moito menos o Club Ximnasia Pontevedra, non se esquece de Pablo Hinojar.

O seu legado no deporte e a ximnasia pontevedresa mantense intacto, e por iso a II Gala Internacional Pablo Hinojar – 'Unidos pola ximnasia' preséntase como todo un acontecemento.

Máis de 250 ximnastas nacionais e internacionais daranse cita este sábado 31 de xaneiro no Pavillón Municipal dos Deportes a partir das 18.00 horas para lembrar o falecido adestrador.

A xornada incluirá exhibicións de ximnasia trampolín, acrobática, artística e rítmica, pero tamén actuacións de danza e espectáculos visuais.

Un despregamento organizativo que, avanzan, non deixará indiferente.

Todo para celebrar a unha "figura irrepetible" como a de Hinojar, sinalou na presentación da gala a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, acompañada por representantes da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Club Ximnasia Pontevedra.

O evento contará con entrada de balde para o público.

Será ademais unha gala social e comprometida, e é que o que se recade a través dunha rifa solidaria será destinado á Asociación Española de Enfermos de Alexander.