Medina pérdese o Memorial Valenciaga e complica as opcións do Froiz na Copa España

Pontevedra
31 de marzo 2016

O equipo pontevedrés retoma a Copa España Elite e Sub-23 cunha das grandes citas da tempada, pero faino sen o que era o seu líder nesta competición, Francisco Medina, baixa por culpa dunha tendinite

Adestramento do Froiz
Adestramento do Froiz / GD Supermercados Froiz

O Grupo Deportivo Supermercados Froiz retoma esta fin de semana a competición cunha das grandes citas da tempada, o Memorial Valenciaga, cuarta parada da Copa de España Elite e Sub-23 que se celebra en Eibar, País Vasco.

O equipo pontevedrés chegaba á cita con optimismo tras situar a Francisco Medina na décimo quinta praza da xeral da Copa España, e con intención de pelexar o triunfo, pero o líder do Froiz perderase a carreira por lesión.

O ciclista padece unha tendinite que lle impedirá competir en Eibar. "Rompéronsenos os plans", recoñeceu o director do equipo, Evaristo Portela, convencido de que "tiñamos moitas posibilidades porque Medina estaba moi ben".

Renato Macedo substituirá a Francisco Medina no Valenciaga, completando a formación do Froiz: Roberto Mediero, Raúl Fernández, Alejandro Lomba, Diego Somoza, David González e Rodrigo Enríquez.

Por outra banda a escuadra pontevedresa participará tamén a fin de semana na 54 edición da Clásica de Pascua de Padrón, na que correrán Pedro Merino, Joao Matías, Miguel Gómez, Sergio Míguez, Víctor Fernández e Alejandro Regueiro.