Medio milleiro de deportistas de 35 países estarán no Europeo junior de Loitas Olímpicas

Pontevedra
07 de novembro 2018

Avanza a organización do comité organizador do Campionato de Europa de Loitas Olímpicas que, na categoría júnior, vai a celebrarse en Pontevedra do 3 ao 9 de xuño de 2019. Agárdase a participación de preto de 500 deportistas de 35 países do vello continente

Xuntanza do comité organizador do Europeo júnior de Loitas Olímpicas
Xuntanza do comité organizador do Europeo júnior de Loitas Olímpicas / Mónica Patxot

Avanza a organización do comité organizador do Campionato de Europa de Loitas Olímpicas que, na categoría júnior, vai a celebrarse en Pontevedra do 3 ao 9 de xuño de 2019. Agárdase a participación de preto de 500 deportistas de 35 países do vello continente.

O campionato terá lugar no Pavillón Municipal, que acollerá as probas de loita libre olímpica masculina e feminina e a de loita grecorromana.

A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro; o presidente e xerente da Federación Española de Loitas Olímpicas, Francisco Javier Iglesias Serna e Luis González; e Pablo Pintos, Florencio Pintos e Isabel González da Federación Galega de Loita, mantiveron unha reunión técnica da que, entre outras cousas, quedou fixada a data de celebración do campionato.

Ademais, definiuse un calendario de traballo e a distribución de tarefas.

O campionato europeo é o primeiro de carácter internacional de loita que vai a acoller Pontevedra, que si ten acreditada experiencia na organización de campionatos de España en todos os niveis: escolar, cadete, júnior e sénior.

"É un reto e un paso adiante máis nesta disciplina", sinalou Anxos Riveiro quen lembrou a importancia que terá para visibilizar o discorrer dun deporte minoritario mais vai abríndose paso na cidade e no país.

O evento mobilizará a máis de 800 persoas: arredor de 500 deportistas -de 17 a 20 anos- máis adestradores, delegados ou equipos de apoio, o que traerá un retorno económico directo á cidade e unha importante publicidade engadida pois, como apuntou Pablo Pintos, o campionato retransmitirase por streaming ao mundo.