Medio milleiro de escolares para o Campionato Galego de Cros Xogade en Poio

Poio
10 de xaneiro 2025
Actualizado: 17:36

No evento deportivo, que terá lugar na zona da Reiboa, participarán 52 clubs, 26 centros educativos e tres escolas deportivas municipais

Presentación do Campionato Galego de Cros Xogade en Poio
Presentación do Campionato Galego de Cros Xogade en Poio / Concello de Poio

O atletismo campo a través será protagonista esta fin de semana en Poio.

Ao redor de medio milleiro de escolares daranse cita na contorna da Reiboa para participar no Campionato Galego de Cros Xogade.

Participarán, a partir das 11.00 da mañá, deportistas de 52 clubs, 26 centros educativos e tres escolas deportivas municipais.

A proba foi rpesentada oficialmente este venres coa presenza do secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes.

"Estamos a falar que nos cros escolares son máis de 40.000 nenos e nenas que participan nas catro provincias, un número interminable de probas, con moitísimo éxito que, como digo, ponse punto e final para decidir
quen son os campións galegos", explicou o representante do goberno autonómico.

Un Campionato Galego que se disputará en "unha contorna incomparable, co fondo da ría de Pontevedra e con vistas a Tambo", quixo destacar o alcalde.

"Seguiremos por parte do Concello non gastando, senón investindo en deporte, porque cremos que é un investimento que ao final ten un retorno importantísimo, tanto en calidade, en valores, en saúde e tamén no desenvolvemento socioeconómico do noso Concello", defendeu Moldes.