Melania Rodríguez apunta alto no Campionato de Europa de Guimaraes

Pontevedra
04 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A deportista do Club Ximnasia Pontevedra estreouse no Europeo coa mellor puntuación da fase clasificatoria de dobre mini-tramp (DMT), especialidade na que é a vixente campioa mundial

Melania Rodríguez, no Campionato de Europa de Ximnasia Trampolín en Guimaraes
Melania Rodríguez, no Campionato de Europa de Ximnasia Trampolín en Guimaraes / Real Federación Española de Gimnasia

A localidade portuguesa de Guimaraes acolle desde este mércores 3 e ata o vindeiro domingo 7 de abril o Campionato de Europa de Ximnasia Trampolín, e alí atópase entre outros deportistas galegos Melania Rodríguez.

Dixerida a decepción que supuxo non lograr a clasificación olímpica na modalidade trampolín, que finalmente levou outra española como Noemí Romero, a deportista do Club Ximnasia Pontevedra volve á acción nunha gran competición internacional.

Fíxoo ademais debutando cun gran resultado na clasificación do dobre mini-tramp (DMT), disciplina non olímpica na que é a vixente campioa mundial.

Melania pasou á final de DMT coa mellor nota de todas as participantes, unha puntuación total de 51.300, estando prevista a loita polas medallas para a tarde do próximo domingo día 7.

A ximnasta pontevedresa está inscrita ademais na modalidade de trampolín, coa fase de clasificación este mesmo xoves e as finais tamén fixadas para o último día de competición.