A praia de Aguete acolleu este xoves a presentación oficial da III Aguete SUP Race, unha competición a nivel estatal de paddle surf que terá lugar na praia marinense o venres e o sábado.
No acto participaron Guillermo Roca, do club de Marín; a alcaldesa, María Ramallo, a directora de Deportes da Deputación, Xisela Aranda, e o director territorial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, así como representantes dos servizos de Gardacostas que manterán a seguridade do evento e da Federación Española e o Club Galego de Surf, ambas entidades colaboradoras no evento.
A III Aguete SUP Raxe, "naceu como un proxecto turístico que derivou nun evento deportivo de alto nivel, dunha disciplina que aínda que é minoritaria, é totalmente emerxente e conseguimos situar a proba nunha das máis recoñecidas do circuíto español", explicou o seu organizador.
Serán 100 deportistas os que desputarán o Campionato de España de Resistencia, de 21 quilómetros, en categoría tanto masculina como feminina, e logo están as ligas PRO de Longa Distancia e a Federación, que son de 10,5 quilómetros. No caso da PRO, ten un premio en metálico de 4.000 euros a repartir entre os podiums de ambos xéneros.
O Club marinense Imua parte con moi boas sensacións. "Temos deportistas á cabeza do estado. En sub-12, por exemplo, temos un equipo moi forte, con Daira García, que quedou Campioa de España en Melilla, e con Leire Martínez, que quedou segunda nos sprints e terceira en longa distancia".
Pola súa parte, a rexedora declarou que este evento "ten todos os condimentos para que saia ben: o entorno, o traballo de todos estes anos… Que é o que podemos ver hoxe aquí, con nenas referentes a nivel nacional e que se forman desde aquí, desde este club que naceu de Aguete para o mundo, ademais en plena pandemia e que a día de hoxe son un club esencial a nivel estatal desta disciplina deportiva".
A maiores das probas deportivas, este venres ás 18.00 horas o club presentará unha canoa hawaiana destinada a un equipo de mulleres que superaron un cáncer de mama, xa que este deporte está moi indicado para a recuperación posterior desta enfermidade.