Meritorio bronce para Arlet Ortiz no Europeo Junior de taekwondo

Marín
03 de novembro 2017

A deportista marinense do Mat's protagonizou unha gran competición en Chipre para subir ao podio na súa categoría e confirmar a súa espectacular progesión tambén a nivel internacional

Arlet Ortiz tras proclamarse campiona de España junior
Arlet Ortiz tras proclamarse campiona de España junior

A progresión nacional de Arlet Ortiz esta tempada tivo continuidade este xoves en Chipre a nivel internacional, no Campionato de Europa Junior que se celebra en Larnaka.

A deportista marinense do Mat's logrou unha meritoria medalla de bronce na categoría de -52 quilos despois de protagonizar un gran torneo.

Arlet gañou tres combates para plantarse na semifinal, vencendo á eslovena Piadora Loncaric (13-7), a unha das grandes favoritas como a rusa Arina Filippova (18-14) e á austríaca Melanie Kindl, á que superou no punto de ouro (6-5).

A medalla estaba asegurada pero faltaba saber cal sería, no seu combate de semifinais ante a romanesa Liana Musteata. Foi un enfrontamento igualado, no que a marinense golpeou en varias ocasións o peto da súa rival pero sen a forza suficiente para puntuar. Foi así ata que nun ataque a romanesa respondeu marcando en dúas ocasións consecutivas e logrando unha renda ao seu favor que Arlet Ortiz xa non puido neutralizar (2-7).

No Campionato de Europa Junior de Taekwondo competirá tamén o pontevedrés Javier González (Mace Sport), aínda que deberá esperar ao domingo día 5 para entrar en acción.