O Teucro inicia esta sábado unha nova tempada na División de Honra Prata. A partir das 20.30 horas, o conxunto que dirixe Irene Vilaboa comezará unha carreira por devolver ao equipo á elite do balonmán español. O primeiro obstáculo a superar será o Burgos e para comezar a quentar o partido, o conxunto azul presentou o novo equipamento para o curso que está a piques de comezar e tamén o nome dos tres capitáns do primeiro equipo.
O trío que liderará o vestiario teucrista xa sabe o que supón defender estas cores e a presión por conseguir bos resultados. Miguel Sío, que regresou este verán á disciplina azul despois dunha aventura por España de seis anos, foi un dos nomeados a pesar de ser unha dos recentemente chegados.
Os outros dous xa participaron no máster que supuxo o curso anterior. O serbio Marko Dzokic foi a primeira renovación que anunciou o club para esta nova campaña e o seu compromiso co conxunto pontevedrés quedou máis que confirmado na pasada campaña. Completa o trío Caue Herrera, o pivote achegará o seu granito de experiencia ao equipo tal e como demostrou desde o primeiro minuto da súa chegada a Pontevedra o ano pasado coa tempada xa avanzada.
No referente ao equipamento, o azul segue sendo o ton dominante da escuadra pontevedresa, que presenta unha camiseta en degradado desde un escuro azul mariño nos ombreiros cara a un ton máis metálico na zona baixa da camiseta, que, ademais, presenta unha franxa negra na zona dorsal.