Minata Keita, MVP da xornada na Liga Feminina 2 no seu primeiro partido co Arxil

Pontevedra
21 de xaneiro 2014

A pívot maliana asinou uns números de 29 puntos e 15 rebotes cunha valoración de 35 nun encontro no que as verdes gañaron ao Universidad de Valladolid. Montserrat Gilabert, base do Cortegada, incluída tamén no cinco ideal da xornada

Minata Keita no partido ante o Universidad de Valladolid Diego Torrado

O debut de Minata Keita como xogadora do Club Baloncesto Arxil non puido resultar máis positivo. Ademais do triunfo do equipo ante o Universidad de Valladolid (69-50) a pívot maliana foi nomeada como xogadora máis valiosa (MVP) da xornada na Liga Feminina 2.

Keita asinou no seu primeiro partido no conxunto lerezano dobres figuras con 29 puntos e 15 rebotes para alcanzar os 35 de valoración, contribuíndo a unha vitoria que sitúa o Arxil na quinta posición da clasificación.

A pívot, que procede do próximo rival das verdes, o Al-Qázeres Extremadura, alcanza na presente liga en dez partidos disputados unha media de 16 puntos, 11 rebotes e 18 de valoración.

Ademais de Minata Keita no cinco ideal da xornada aparace a base do Portomar Cortegada de Vilagarcía, Monserrat Gilabert, que asinou 26 de valoración grazas aos seus 9 puntos, 5 rebotes e 16 asistencias ante o Pabellón Ourense.

Completan o quinteto a aleiro Naiara Díez (Gernika Bizkaia), a escolta Verónica Sánchez (Al-Qázeres) e a ala-pívot Callan Taylor (Al-Qázeres).