Mínimas por Nadal na Sociedad Gimnástica

Pontevedra
24 de decembro 2019

A actividade non para na parte final de ano para o club pontevedrés que participou no Trofeo de Nadal de atletismo celebrado a fin de semana en Lugo

Lucía Ferrer e Cristina Garrido no Trofeo de Nadal de atletismo en Lugo
Lucía Ferrer e Cristina Garrido no Trofeo de Nadal de atletismo en Lugo / Sociedad Gimnástica

A actividade non para na Sociedad Gimnástica na parte final do ano, e os seus atletas seguen presentes en diversas competicións.

Unha desas citas foi o Trofeo de Nadal celebrado en Lugo a fin de semana, un evento no que Cristina Garrido e Lucía Ferrer fixeron os deberes conseguindo senllas marcas mínimas.

Garrido logrou o pasaporte ao Campionato de España Sub-20 de Pista Cuberta ao lograr un rexistro de 7.96 segundos nos 60 metros lisos que ademais supón a súa mellor marca persoal.

Pola súa banda Lucía Ferrer parou o crono en 9.40 segundos nos 60 metros valas, o que supón a mínima para o Campionato de España Sub-23 de Pista Cuberta.

Non correu tanta sorte o seu compañeiro de equipo Raúl Cortizo, que rozou as mínimas en salto de altura e lonxitude.

Si conseguiu a súa clasificación para o Nacional Sub-23, nos 60 metros lisos, Claudia Torres, competindo aínda coa camiseta do Ría de Ferrol. A velocista é unha das incorporacións da Gimnástica para a nova tempada, club ao que representará a partir do próximo 1 de xaneiro.