Misión (case)imposible para o Teucro

Pontevedra
10 de maio 2016

O equipo azul recibe este mércores (20:30 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, a un dos mellores equipos do Mundo e aínda actual campión de Europa, o Fútbol Club Barcelona, que non perde en liga desde maio do ano 2013. Na mente dos teucristas a primeira das súas seus finais pola permenancia, o vindeiro domingo en Pamplona

Adestramento do Teucro no Municipal
Adestramento do Teucro no Municipal / Mónica Patxot

A deste mércores (20:30 horas, Movistar+) será unha xornada de gozar para os afeccionados ao balonmán no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.

Visita a cidade de Lérez un dos mellores equipos do Mundo e aínda actual campión de Europa, o Fútbol Club Barcelona, para enfrontarse a un Teucro que pensa máis nos seus próximos compromisos ligueiros, nos que se xogará a permanencia na máxima categoría.

Os cataláns non perden un partido da Liga Asobal desde maio de 2013, o que lles outorga a categoría de case imbatibles.

Por ese motivo no club teucrista plantexa o partido sen presión, pensando en competir ata onde poidan pero co obxectivo de que o choque non lles pase factura cara ao choque, vital, do próximo domingo na cancha do Anaitasuna navarro.

O partido foi designado día do club, polo que todos os afeccionados deberán pasar polo despacho de billetes do Pavillón. Os socios pagando un suplemento de 5 euros e o público xeral unha entrada de 15 euros.

O choque será arbitrado polos madrileños Miranda Bedate e San Pedro Colorado.